miércoles, 15 de abril de 2020

Moodle

Redacto esta entrada en pleno boom obrigatorio de ensinanza a distancia. Ao longo destes días todos tivemos que modificar en maior ou menor medida a nosa forma de ensino, xerando vídeos, usando aplicacións de emisión de vídeo en directo... Pero sen dúbida unha ferramenta que polo menos para min resulta fundamental é a aula virtual.

Moodle é unha ferramenta que dende hai moitos anos a Consellería proporcionou a todo o profesorado de centros públicos de Galicia. No meu departamento de informática do IES A Pinguela estamos moi acostumados a utilizalo, e por sorte difundimos ese uso e coñecemento en diversos centros de toda a provincia.

Na aula virtual do CFR de Lugo está a docencia que impartín no propio CFR (as que se dan nos centros polo normal non se rexistran na aula virtual do CFR), pero nesta ocasión descoñezo o motivo polo que está pechada. É por iso polo que a continuación vos vou comentando os distintos contidos que usei no curso e xero unha ligazón para que os poidades descargar. (Síntoo pero ten pinta de ser unha entrada un pouco longa).

O manual que entrego está baseado no manual realizado por Ana Teresa González de Felipe que está na URL http://cefire.edu.gva.es/file.php/1/moodle/. Eu retoqueino e adapteino ás capturas dos moodle que temos instalados pola consellería.



Como sempre adapto o manual ó cole no que imparto a docencia, neste intre subo a ligazón ao documento do mesmo que adaptei para o CEIP de Muimenta, curso que impartin xustiño antes do confinamento. 



Por se hai algún problema para descargar de Scribd, deixo a ligazón directa ao ficheiro aquí.


Ademáis do manual, pásovos as distintas prácticas que uso realizar nas sesións, como estas sesións foron a maioría en coles, e en cada cole o número de horas é distinta dependendo se é un seminario, un curso, se é todo de moodle... pois teño distintas prácticas para ir profundizando.



Déixovos a continuación as distintas prácticas que utilizo dependendo como decía do número de sesións de cada curso. No caso de ter problemas con Scribd, déixovos as ligazóns de descarga das prácticas aquí (práctica 1, práctica 2, práctica 3, práctica 4)